OpenOffice en galegoHoxe, alguén preguntou nos foros de soloarquitectura.com sobre a posibilidade de obter o documento de excepcionalidade das Normas do Hábitat Galego en formato .doc. Desta pregunta xorde esta entrada no blog, para ofrecer solucións alternativas (e mellores, na miña opinión) ó emprego de ferramentas coma o MS-Office.

Primeiro, é boa cousa que eses documentos se publiquen nun formato estandarizado, perfectamente documentado como é o PDF/A, e sería excelente que tamén se publicasen noutro estándar ISO como é o OpenDocument Format, o formato que usa o OpenOffice.

O problema de empregarmos formatos non estandarizados coma o .doc ou falsamente estandarizados coma o OOXML (xa que o Office de MS non o implementa de forma compatible co estándar) e que dependemos ou facémonos dependentes de ferramentas que non están a disposición de moita xente (empregar copias piratas é, coma pouco, unha solución precaria, coma calquera outra que supoña quebrantar a lei).

E segundo, por sorte temos ferramentas libres e gratuitas coma o OpenOffice que nos permiten tanto ler coma escribir en formatos estándar (ODF, PDF), e incluso tamén ler e escribir, na maioría de ocasións con total fidelidade, formatos privativos coma os do MS-Office.

O novo Openoffice 3.0 conta ademáis cun complemento para a importación de documentos PDF para manexalos na aplicación de gráficos, polo que é posible completar ou editar os formularios e poder logo incrustar o resultado da edición no procesador de textos e gardar o resultado con fidelidade. Coma exemplo do seu funcionamento, velaquí o resultado da conversión da devandito formulario de excepcionalidade das NNHG.

Outras vantaxes do emprego do Openoffice son a súa dispoñibilidade en galego, existindo tanto un corrector ortográfico coma un corrector gramatical (Golfiño), ainda que este último está en fase de desenrolo.

Tamén, coma axuda para os termos construtivos, publiquei hai un tempo, un complemento para o navegador Firefox que permite facer buscas no “Diccionario visual da construción” do COAG no propio navegador.

Grazas a estas ferramentas non só non é posible prescindir de ferramentas caras e que nos fan máis dependentes, senon que é posible ter ferramentas mellores e máis funcionais. Eu xa fai tempo que só teño instalado coma paquete ofimático o Openoffice.