As orellas tamén alimentan

14 abril, 2007 (23:41) | galego, recetas

Xa facía tempo que non comía orellas, e aínda que son máis propias do antroido, nunca está de máis degostar estas larpeiradas noutras datas, mesmamente nestas :). E aproveitando os días que estou por Santiago facéndolle unha visita á familia, puxémonos hoxe á mañán a facer orellas e podo confirmar que as feitas coa receita da miña nai seguen a ser as mellores que teño probado.

Ricas orellasOrella individual

Aproveitando que as receitas están, afortunadamente e polo de agora, libre de patentes e restricións de copia aquí vai a receita das orellas para tela a man e por se a alguén se lle ocorre compartir ou contrastar debidamente a miña opinión na súa casa:

Receita de orellas de carnaval

Ingredientes:

  • casca dun limón
  • sal
  • 2/3 de vaso de auga
  • 100g de manteiga de vaca cocida (ou fresca)
  • 1/2kg de fariña
  • 3 ovos
  • esencia de anís
  • 1 copiña de anís
  • aceite para fritir
  • sucre glaseado

Forma de preparación:

  1. Ferver a casca dun limón durante 1/2 hora en auga feita así:
    – un chisco de sal
    – 2/3 de vaso de auga
    – 100g de manteiga de vaca cocida
  2. Mesturar completamente a auga con 1/2kg de fariña
  3. Engadir 3 ovos enteiros e misturalos coa masa usando as mans
  4. Incorporar a esencia de anís e a copa de anís
  5. Amasar ata ver que se separa das mans
  6. Deixar repousar nun lugar quente unha hora
  7. Coller anacos da masa e estiralos facendo unha capa fina
  8. Recortar en trociños de forma alongada e fritir enrugándoos para que parezan orellas
  9. Botarlle sucre glaseado en abundancia por enriba das orellas

Notas:

  1. Para que a orella creza o aceite debe estar máis ben quente, ainda que non tanto como para que se queimen rápido as orellas.
  2. A masa queda máis cruxinte canto máis fina é a masa e se as proporcións dos ingredientes son as indicadas.
  3. Para que non se pegue a masa ó soporte, o segredo está en untalo con pan mollado en aceite ou botar por riba del un pouco de fariña antes de estirar a masa.
  4. Agradécense suxerencias ou innovacións sobre esta receita, así coma comentarios sobre o resultado obtido usándoa.

Bo apetito!

Write a comment