Hoxe, alguén preguntou nos foros de soloarquitectura.com sobre a posibilidade de obter o documento de excepcionalidade das Normas do Hábitat Galego en formato .doc. Desta pregunta xorde esta entrada no blog, para ofrecer solucións alternativas (e mellores, na miña opinión) ó emprego de ferramentas coma o MS-Office.
Continuar leyendo «Openoffice en galego»
Categoría: galego
Diccionario visual da Construcin do COAG
O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) ten un excelente e útil Diccionario visual da Construción que, entre outras cousas, facilita a tradución dos termos máis habituais do mundo da construción e a arquitectura xa que permite facer buscas dende o galego ou o castelán e devolve os resultados relacionados coas equivalencias nos dous idiomas.
Xa que estes días ando a redactar as memorias duns proxectos de execución estou a botar man a miudo desa ferramenta, xa que son moitos os casos de dúbida e a documentación técnica en galego é, lamentablemente, moi escasa, polo que gran parte do traballo consiste en adaptar memorias escritas en castelán a unha versión en galego (máis algunhas adaptacións normativas, claro).
Para facilitar a tarefa, creei un buscador persoalizado que se pode engadir á barra de buscas do navegador Firefox (e posiblemente tamén traballe noutros navegadores), de xeito que, a partires da súa instalación, podes usar a casiña de busca do navegador cun termo en castelán e devolve a páxina cos resultados relacionados, que inclúen a equivalencia en galego.
Engade o buscador ó teu navegador.
A creación dun buscador equivalente que faga a tradución inversa, do galego ó castelán, se fose necesaria, é moi sinxela, bastando editar o arquivo dvccoag.src e cambiando «castelán» por «galego».
Unha instalación alternatva é obter os arquivos das fontes para o buscador Sherlock e a icona do buscador e instalalos no subdirectorio searchplugins do directorio do Firefox.
Unha versión OpenSearch do mesmo buscador. Ainda que non está probado o seu funcionamento, debería instalarse eiquí.
Sons de Cortegada
Hoxe pola tardiña, no camiño que vai entre o lusco e fusco, soan os versos de Cunqueiro ós que Amancio Prada puxo música:
Si miña señora á i-alba de Arousa beilar,
poñereille, belida, un ventiño no mar.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!Poñereille unha frauta e máis un reiseñor
e unha longa soedade coma a da mar maior.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!Na illa de Cortegada poñereille un galán
por pastor de mareas co seu remo na man.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!Poñereille unha gaita no bico da ría
e unha abelaneira no medio do día.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!
O poema aparece na primeira obra de Álvaro Cunqueiro, «Mar ao norde», e lembra as cantigas de amor e de amigo dos nosos trovadores medieváis, aportando un ton ledo e case onírico.
Con todo, unha ledicia a de escoitar o disco «Tres poetas en el círculo» de Amancio Prada mentres un traballa cáseque cantando.
Estrutura e representación
O deseñador Aaron Koblin realizou un interesante video no que representa a densidade do tráfico aéreo no espazo dos Estados Unidos.
Aaron Koblin:
Airplane Flight Patterns over the USA (Copyright by Aaron Koblin and the FAA)
A representación das traxectorias e intensidades dos voos faise con distintas linguaxes e preséntase con e sen superposicións das xeografías, tempos e cantidades subxacentes, dando lugar a un resultado realmente interesante no eido plástico.
O proxecto recordoume a plasmación dalguns experimentos de psicoxeografía e ós mapas psicoxeográficos, e resulta interesante coma estratexia de análise que provoca a materialización de aspectos case invisíbles da realidade.
Nota: O video atopeino grazas a un post no blog de Rich Burridge, membro do proxecto GNOME.
As orellas tamén alimentan
Xa facía tempo que non comía orellas, e aínda que son máis propias do antroido, nunca está de máis degostar estas larpeiradas noutras datas, mesmamente nestas :). E aproveitando os días que estou por Santiago facéndolle unha visita á familia, puxémonos hoxe á mañán a facer orellas e podo confirmar que as feitas coa receita da miña nai seguen a ser as mellores que teño probado.


Aproveitando que as receitas están, afortunadamente e polo de agora, libre de patentes e restricións de copia aquí vai a receita das orellas para tela a man e por se a alguén se lle ocorre compartir ou contrastar debidamente a miña opinión na súa casa:
Receita de orellas de carnaval
Ingredientes:
- casca dun limón
- sal
- 2/3 de vaso de auga
- 100g de manteiga de vaca cocida (ou fresca)
- 1/2kg de fariña
- 3 ovos
- esencia de anís
- 1 copiña de anís
- aceite para fritir
- sucre glaseado
Forma de preparación:
- Ferver a casca dun limón durante 1/2 hora en auga feita así:
– un chisco de sal
– 2/3 de vaso de auga
– 100g de manteiga de vaca cocida - Mesturar completamente a auga con 1/2kg de fariña
- Engadir 3 ovos enteiros e misturalos coa masa usando as mans
- Incorporar a esencia de anís e a copa de anís
- Amasar ata ver que se separa das mans
- Deixar repousar nun lugar quente unha hora
- Coller anacos da masa e estiralos facendo unha capa fina
- Recortar en trociños de forma alongada e fritir enrugándoos para que parezan orellas
- Botarlle sucre glaseado en abundancia por enriba das orellas
Notas:
- Para que a orella creza o aceite debe estar máis ben quente, ainda que non tanto como para que se queimen rápido as orellas.
- A masa queda máis cruxinte canto máis fina é a masa e se as proporcións dos ingredientes son as indicadas.
- Para que non se pegue a masa ó soporte, o segredo está en untalo con pan mollado en aceite ou botar por riba del un pouco de fariña antes de estirar a masa.
- Agradécense suxerencias ou innovacións sobre esta receita, así coma comentarios sobre o resultado obtido usándoa.
Bo apetito!
Cambios na ortografía e morfoloxía normativa do galego
Xa vai un tempo (xullo de 2003) que a Real Academia Galega aprobou unha modificación da vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego. Aínda que son poucos os cambios e afectan sómentes á lingua escrita, recollo nesta entrada da bitácora unha táboa dos cambios máis significativos, para telos a man e practicar un pouquiño, xa que non son moitas as ocasións de falar ou escribir en galego.
Sobre a evolución da lingua e o contexto dos cambios feitos pódese consultar unha interesante síntese de Serafín Alonso. O Instituto da Língua Galega e A Mesa pola Normalización Lingüística tamén recolle información relacionada, e o Servizo de Normalización Lingüística da universidade da Coruña nalgún momento tivo un bó resumo que xa non está dispoñible na súa web :).
Continuar leyendo «Cambios na ortografía e morfoloxía normativa do galego»
