Vista da illa de Cortegada dende Vilagarcía de Arousa

Hoxe pola tardiña, no camiño que vai entre o lusco e fusco, soan os versos de Cunqueiro ós que Amancio Prada puxo música:

Si miña señora á i-alba de Arousa beilar,
poñereille, belida, un ventiño no mar.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!

Poñereille unha frauta e máis un reiseñor
e unha longa soedade coma a da mar maior.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!

Na illa de Cortegada poñereille un galán
por pastor de mareas co seu remo na man.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!

Poñereille unha gaita no bico da ría
e unha abelaneira no medio do día.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!

O poema aparece na primeira obra de Álvaro Cunqueiro, «Mar ao norde», e lembra as cantigas de amor e de amigo dos nosos trovadores medieváis, aportando un ton ledo e case onírico.

Con todo, unha ledicia a de escoitar o disco «Tres poetas en el círculo» de Amancio Prada mentres un traballa cáseque cantando.