Openoffice en galego

OpenOffice en galegoHoxe, alguén preguntou nos foros de soloarquitectura.com sobre a posibilidade de obter o documento de excepcionalidade das Normas do Hábitat Galego en formato .doc. Desta pregunta xorde esta entrada no blog, para ofrecer solucións alternativas (e mellores, na miña opinión) ó emprego de ferramentas coma o MS-Office.
Continuar leyendo «Openoffice en galego»

Diccionario visual da Construción do COAG

Dictionary by ElektraCuteO Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) ten un excelente e útil Diccionario visual da Construción que, entre outras cousas, facilita a tradución dos termos máis habituais do mundo da construción e a arquitectura xa que permite facer buscas dende o galego ou o castelán e devolve os resultados relacionados coas equivalencias nos dous idiomas.

Xa que estes días ando a redactar as memorias duns proxectos de execución estou a botar man a miudo desa ferramenta, xa que son moitos os casos de dúbida e a documentación técnica en galego é, lamentablemente, moi escasa, polo que gran parte do traballo consiste en adaptar memorias escritas en castelán a unha versión en galego (máis algunhas adaptacións normativas, claro).

Para facilitar a tarefa, creei un buscador persoalizado que se pode engadir á barra de buscas do navegador Firefox (e posiblemente tamén traballe noutros navegadores), de xeito que, a partires da súa instalación, podes usar a casiña de busca do navegador cun termo en castelán e devolve a páxina cos resultados relacionados, que inclúen a equivalencia en galego.

Engade o buscador ó teu navegador.

A creación dun buscador equivalente que faga a tradución inversa, do galego ó castelán, se fose necesaria, é moi sinxela, bastando editar o arquivo dvccoag.src e cambiando «castelán» por «galego».

Unha instalación alternatva é obter os arquivos das fontes para o buscador Sherlock e a icona do buscador e instalalos no subdirectorio searchplugins do directorio do Firefox.

Unha versión OpenSearch do mesmo buscador. Ainda que non está probado o seu funcionamento, debería instalarse eiquí.

Sons de Cortegada

Vista da illa de Cortegada dende Vilagarcía de Arousa

Hoxe pola tardiña, no camiño que vai entre o lusco e fusco, soan os versos de Cunqueiro ós que Amancio Prada puxo música:

Si miña señora á i-alba de Arousa beilar,
poñereille, belida, un ventiño no mar.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!

Poñereille unha frauta e máis un reiseñor
e unha longa soedade coma a da mar maior.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!

Na illa de Cortegada poñereille un galán
por pastor de mareas co seu remo na man.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!

Poñereille unha gaita no bico da ría
e unha abelaneira no medio do día.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!

O poema aparece na primeira obra de Álvaro Cunqueiro, «Mar ao norde», e lembra as cantigas de amor e de amigo dos nosos trovadores medieváis, aportando un ton ledo e case onírico.

Con todo, unha ledicia a de escoitar o disco «Tres poetas en el círculo» de Amancio Prada mentres un traballa cáseque cantando.

Estrutura e representación

O deseñador Aaron Koblin realizou un interesante video no que representa a densidade do tráfico aéreo no espazo dos Estados Unidos.

Aaron Koblin:

Airplane Flight Patterns over the USA (Copyright by Aaron Koblin and the FAA)

A representación das traxectorias e intensidades dos voos faise con distintas linguaxes e preséntase con e sen superposicións das xeografías, tempos e cantidades subxacentes, dando lugar a un resultado realmente interesante no eido plástico.

O proxecto recordoume a plasmación dalguns experimentos de psicoxeografía e ós mapas psicoxeográficos, e resulta interesante coma estratexia de análise que provoca a materialización de aspectos case invisíbles da realidade.

Nota: O video atopeino grazas a un post no blog de Rich Burridge, membro do proxecto GNOME.

As orellas tamén alimentan

Xa facía tempo que non comía orellas, e aínda que son máis propias do antroido, nunca está de máis degostar estas larpeiradas noutras datas, mesmamente nestas :). E aproveitando os días que estou por Santiago facéndolle unha visita á familia, puxémonos hoxe á mañán a facer orellas e podo confirmar que as feitas coa receita da miña nai seguen a ser as mellores que teño probado.

Ricas orellasOrella individual

Aproveitando que as receitas están, afortunadamente e polo de agora, libre de patentes e restricións de copia aquí vai a receita das orellas para tela a man e por se a alguén se lle ocorre compartir ou contrastar debidamente a miña opinión na súa casa:

Receita de orellas de carnaval

Ingredientes:

  • casca dun limón
  • sal
  • 2/3 de vaso de auga
  • 100g de manteiga de vaca cocida (ou fresca)
  • 1/2kg de fariña
  • 3 ovos
  • esencia de anís
  • 1 copiña de anís
  • aceite para fritir
  • sucre glaseado

Forma de preparación:

  1. Ferver a casca dun limón durante 1/2 hora en auga feita así:
    – un chisco de sal
    – 2/3 de vaso de auga
    – 100g de manteiga de vaca cocida
  2. Mesturar completamente a auga con 1/2kg de fariña
  3. Engadir 3 ovos enteiros e misturalos coa masa usando as mans
  4. Incorporar a esencia de anís e a copa de anís
  5. Amasar ata ver que se separa das mans
  6. Deixar repousar nun lugar quente unha hora
  7. Coller anacos da masa e estiralos facendo unha capa fina
  8. Recortar en trociños de forma alongada e fritir enrugándoos para que parezan orellas
  9. Botarlle sucre glaseado en abundancia por enriba das orellas

Notas:

  1. Para que a orella creza o aceite debe estar máis ben quente, ainda que non tanto como para que se queimen rápido as orellas.
  2. A masa queda máis cruxinte canto máis fina é a masa e se as proporcións dos ingredientes son as indicadas.
  3. Para que non se pegue a masa ó soporte, o segredo está en untalo con pan mollado en aceite ou botar por riba del un pouco de fariña antes de estirar a masa.
  4. Agradécense suxerencias ou innovacións sobre esta receita, así coma comentarios sobre o resultado obtido usándoa.

Bo apetito!

Cambios na ortografía e morfoloxía normativa do galego

Real Academia GalegaXa vai un tempo (xullo de 2003) que a Real Academia Galega aprobou unha modificación da vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego. Aínda que son poucos os cambios e afectan sómentes á lingua escrita, recollo nesta entrada da bitácora unha táboa dos cambios máis significativos, para telos a man e practicar un pouquiño, xa que non son moitas as ocasións de falar ou escribir en galego.

Sobre a evolución da lingua e o contexto dos cambios feitos pódese consultar unha interesante síntese de Serafín Alonso. O Instituto da Língua Galega e A Mesa pola Normalización Lingüística tamén recolle información relacionada, e o Servizo de Normalización Lingüística da universidade da Coruña nalgún momento tivo un bó resumo que xa non está dispoñible na súa web :).
Continuar leyendo «Cambios na ortografía e morfoloxía normativa do galego»